O próximo 22 de novembro ás 20:00 horas, o Centro Sociocultural de A Capela en Araño será o escenario do Encontro Empresarial organizado pola Asociación Rianxeira de Empresarios, un evento aberto e gratuíto para todos os profesionais e empresarios/as de Rianxo, co apoio da Deputación da Coruña.
Este ano contaremos coa presenza de Javier Cebreiros, doutor en comunicación e conferenciante de recoñecemento internacional, quen compartirá as súas claves sobre a importancia de comunicar e xestionar eficazmente as emocións no ámbito empresarial. Cebreiros é fundador do movemento social ensaia, creador do espazo La Cafetería e colaborador en medios como TVE2. A súa experiencia, que inclúe máis de trescentas conferencias en distintos países, será sen dúbida unha fonte de inspiración para todos os asistentes.
Durante o evento, renderemos homenaxe a dúas empresas locais pola súa traxectoria e contribución ao tecido económico e social de Rianxo: Boutique Pasarela e o Centro Veterinario Rianxo.
Para finalizar, todos os asistentes poderán gozar dunha degustación de pinchos e viños, nun espazo de networking pensado para fortalecer a comunidade empresarial da nosa contorna.
Inscrición gratuíta
O acceso ao evento é gratuíto, pero con aforo limitado, polo que é necesario inscribirse previamente.
Anímate a participar e acompáñanos neste encontro para coñecer novas perspectivas e reforzar os lazos profesionais en Rianxo!
Este evento esta subvencionado pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Concello de Rianxo.